Contra lo que pueda parecer, y contra lo que induce a pensar su nombre, los puertos-refugio no son la panacea para hacer frente a desastres y accidentes marítimos. Así lo afirma el blogger Orto en esta reflexión sobre un tema que sigue dando que hablar en Galicia, que ha puesto como comentario a nuestro post "Las mentiras nazi-onan-socialistas sobre el Prestige". Por su interés la reproduzco aquí.
Pros e contras dos “lugares de refuxio”
En contra do que algúns inxenuamente pensan, os chamados “portos de refuxio” non son unha panacea, senón que poden conlevar moi serios inconvenientes, sobre todo en Comunidades como a galega, que ten na explotación dos recursos mariños vivos unha importante base da súa economía, e que conta cunha densa e fortemente diseminada poboación costeira.
En realidade –e como é ben sabido- calquera porto ou ría constitúen un lugar de refuxio, pero ós efectos que aquí nos interesan, por “lugar de refuxio” débese entender aquel especialmente deseñado e dotado de medios para acoller buques en apuros singularmente perigosos, non só para o propio barco, senón tamén para a navegación e o seu entorno.
É dicir, trátanse de lugares ó que conducir buques nunhas circunstancias debido ás que non son aceptados en ningún outro sitio, polo que a ninguén se lle pode ocultar que tales instalacións poden constituir un foco constante de riscos para o seu entorno -tanto no mar como en terra- nin que resultan dificilmente compatibles con zonas poboadas ou nas que se desenvolven actividades pesqueiras, marisqueiras ou de acuicultura.
Estes lugares poden supoñe-lo alivio de situacións apuradas, porque, evidentemente, desde a perspectiva do buque que as sofre, a maioría das emerxencias se combaten mellor e con máis expectativas de éxito nun lugar abrigado e que, ademais, conta con medios específicos de intervencion; pero precisamente debido a esta circunstancia, a quen máis lles pode interesa-la existencia destes lugares son ás casas armadoras e, dentro delas, ós armadores que operan con barcos subestandar, polo que os “lugares de refuxio” poderían converterse facilmente en porto de recalada para tódolos buques-lixo, que con algún problema transiten polas súas proximidades.
A idea de establecer lugares de refuxio para acoller buques en circunstancias de provocar graves problemas xurdiu hai uns anos, tras os accidentes dos petroleiros Castor e Erika, a partir dos que a Comisión Europea plantexou nos denominados “paquetes Erika”, a posibilidade de establecer en Europa unha rede de lugares de refuxio ó efecto.
Pola súa parte, a OMI fixo unha enquisa entre os Estados europeos, reflectindo as conclusións da mesma no comunicado do seu Comité Legal de 17 de setembro de 2002, denominado “Lugares de Refuxio” e onde se afirma que tan só tres países europeos, Alemaña, Noruega e Reino Unido teñen designado lugares de refuxio, coas particularidades de que en Alemaña o acceso non está garantido, dependendo de autorización oficial; en Noruega non se contempla o seu uso en caso de perigo para o medio ambiente, e no Reino Unido eses lugares se manteñen en secreto.
Como se pode observar, a decisión implica moitas dificultades, e aínda mediando designación ó respecto –caso destes tres países- a situación non difire moito do que ocorre noutras latitudes, e concretamente en Galicia, onde nos últimos anos teñen entrado nas rías numerosos barcos con dificultades -con incendios, vías de auga, corremento de carga, etc.- situacións de emerxencia solucionadas co apoio das autoridades marítimas, dado que, por definición –como xa foi apuntado- calquera ría ou porto constitúen un lugar de refuxio. Non obstante, todos estes barcos en problemas non representaban perigo potencial para a poboación costeira, nin para o medio ambiente da zona, senón tan só para eles, ó contrario do que poden significar outros buques que polas súas especiais circunstancias se vexan na obriga de buscar recalada neses “lugares de refuxio” ós que nos estamos a referir.
Hai que ter en conta que son moitos os barcos que transportan todo tipo de cargamentos perigosos ou contaminantes que sucan os mares, e que poden pasar por calquera emerxencia, os que estarían chamados a recalar nese “lugar de refuxio”, independentemente de onde se producira a avaría ou a situación complicada, con tal de que poidan acceder a el.
Pénsese, por exemplo, na situación que pode provocar un buque que se dirixa ó “lugar de refuxio” emitindo unha nube tóxica: este suposto requiriría da evacuación da poboación costeira, que un día podería ser a dunha zona e outro a de outra, segundo sopraran os ventos, e podería deparar consecuencias moi difíciles de predicir.
Por outra parte, ubicar un “porto de refuxio” nun lugar determinado non presupón garantía algunha de que un barco en perigo poida arrumbar a el -e por tanto que a súa existencia supoña protección para a costa onde se localiza- xa que é posible que as condicións meteorolóxicas llo impidan, se o temporal ven da dirección na que se atopa o porto, ou que non poida ser remolcado por calquera outra circunstancia.
De feito, analizando os accidentes de petroleiros que se teñen dado no mundo, é difícil de atopar un do que se poida dicir que cun “lugar de refuxio” se tivera arranxado o problema. Pénsese, por exemplo, no do Aegean Sea, que non se puido retirar das rochas, e que só a sorte de que soprara vento Sur durante o seu incendio evitou un problema de imprevisible magnitude na Coruña. Pola súa parte, tanto o Carla como o Kristal partiron en dous de xeito instantáneo, e o Erika moi poucas horas despois de sufri-lo accidente, polo que tampouco nestes sinistros tan próximos houbese sido efectivo un “lugar de refuxio”.
Tamén desta maneira, poderíase dar o caso de que un suposto “lugar de refuxio” ubicado en Galicia, acollera un barco ó que lle xurde un problema, por exemplo, a altura de Bilbao –que traería con el o perigo ata Galicia, ó longo de todo o Cantábrico- e non puidera acoller outro buque accidentado na propia costa galega, de darse algunha das situacións antes descritas.
Despois de feitas estas reflexións, penso que, polo menos, se pode poñer en dúbida que Galicia sexa un lugar idóneo para situar un “lugar de refuxio”. En concreto, na costa Oeste penso que hai que descartar totalmente tal posibilidade, xa que de Fisterra cara ó Sur, a densidade e diseminación da poboación costeira, así como a dimensión que adquire a pesca, o marisqueo e a acuicultura, fan completamente inviable calquera emprazamento.
A Ría de Corcubión –lugar que foi apuntado por alguén como posible escenario dunha instalación así- non reúne as mínimas condicións naturais, xa que só conta con calados superiores ós 18 metros, ata cen metros a cada lado do eixo do canle de entrada, co que dificulta moito a condución dun remolque, e fai inviable a manobra de xiro de 180 graos dentro da ría, polo risco evidente de embarrancamento.
Ademais, a Ría de Corcubión está orientada ó Sur, co que recibe a práctica totalidade dos temporais que se dan no inverno en Galicia, que adoitan ser de Sur e Suroeste, razón pola que no propio derroteiro do Instituto Hidrográfico da Armada recoméndase dirixirse a Muros en caso de climatoloxía adversa na zona. O mesmo se podería dicir de calquera outra ubicación dentro do Seo de Corcubión.
No resto da costa galega, con non ser tan evidentes, os problemas para ubicar un “lugar de refuxio” non parecen menores. Unicamente o futuro porto exterior da Coruña –e con tódalas cautelas- poderíase designar como tal, e iso, na miña opinión, se foran aprobadas as propostas presentadas ante a OMI pola Administración española en marzo de 2003, para o desenvolvemento, a escala internacional, de directrices relativas ós lugares de refuxio, para buques necesitados de asistencia, que inclúen tanto aspectos ténicos, como legais.
Nas súas propostas, España parte do principio de “prevención na fonte”, é dicir, que os buques deben de estar construídos, mantidos, xestionados e tripulados de forma tal, que non resulte necesaria a prestación de asistencia externa durante a súa navegación. Non obstante, se un “buque seguro”, por circunstancias excepcionais, vese necesitado de asistencia externa e de dirixirse a un lugar de refuxio, deberán terse en conta os seguintes principios:
a) Os buques deben reunir condicións de seguridade, identificar a tódolos seus operadores e establecer garantías financeiras ilimitadas, polos danos que poidan causar.
b) Os Estados ribeiráns deben de fundamenta-las súas decisións en criterios estrictamente técnicos, internacionalmente preestablecidos.
c) Debe establecerse un réxime de financiamento para cubri-los gastos nos que os Estados ribeiráns incurran ó establecer lugares de refuxio.
d) O establecimento de lugares de refuxio debe realizarse a escala mundial, incluíndo metodoloxía de análise de riscos e parámetros nos que fundamenta-la designación.
Con todo, coma galego, eu prefiría que en Galicia non se situara ningún “lugar de refuxio”, senón que se establecera unha normativa moito máis rigurosa sobre o transporte de mercadurías perigosas e/ou contaminates, e que se extremara o celo sobre o control do tráfico costeiro e a transparencia da información de quen certifica a seguridade dos buques.
Suscribirse a:
Enviar comentarios (Atom)
No hay comentarios:
Los comentarios nuevos no están permitidos.