viernes, 24 de noviembre de 2006

Castelao en la URSS

CARTA A RODOLFO PRADA
No buque “Coopertzia”, a 27 de maio de 1938
Publicada en A Nosa Terra, extra Castelao e Bóveda irmán!!, 77-78
Sr. Don Rodolfo Prada
Meu querido irmán: Xa vou de volta, mergullado n-unha néboa saudosa. Xa retrasamos o reló en duas horas e non-os falta máis que unha para chegarmos ao nosa meridiano. As augas do Báltico son mouras. I eu levo na retina a despedida que os bós amigos soviéticos nos fixeron no peirán de Leningrado. Compreuse a miña predicación: “da URSS non se retorna endexamáis”. —Percorremos varios miles de Kilómetros na Unión Soviética, dende o Golfo de Finlandia ao mar Caspio, e comprobamos que a URSS está preparándose para inaugurar o feito hestórico que abra unha nova época par-a humanidade. Visitamos as grandes fábricas, coas novas cibdades anexas; convivimos cos obreiros nos clubs; visitamos os pazos da cultura e de formación profesional dos pioneiros; convivimos cos Koljosianos1 e comprobamos a súa relativa felicidade; estivemos na rexión dos Sanatorios e Casas de repouso e Balnearios onde os empregados intelectuaes, técnicos y stajanovistas reparan a súa saude e as súas forzas desgastadas pol-o traballo; asistimos ao enseño nas escolas, etc., etc. Visitamos dúas Repúblicas (Ucrania e o Aserbaidhán) e comprobamos que o problema das nacionalidades ficou resolto, previamente e definitivamente por meio da liberdade e da democracia (craro está que compre dar unha nova definición a estes dous conceptos). Fomos recibidos por Sverning, ó Segredario xêral dos Sindicatos, e por Kalinin, e n-ambas entrevistas fomos informados ampramente, satisfacéndose a nosa curiosidade ou as nosas arelas de información. Durante un mes de traballo intenso ficamos en condicións de poder xusgar a prol do progreso soviético. A xornada do Primeiro de Maio na Praza Roxa de Moscú é algo indescriptible. Máis de dous millóns de almas desfilaron por diante de nós mostrándonos a súa ledicia de vivir. E a imponente máquina guerreira que defende as creacións soviéticas dounos a sensación de que é invencible. Esto doume tristeza, porque ainda non desbotei de min o antimilitarismo que mamei.
N-esta carta quero desenrolar tres impresións.
1ª A previa solución do problema nacional é un acerto político, porque ao asentar a estrutura do Estado en realidades vivas e permanentes deixou consolidar o sistema económico e social avanzado. A liberdade das nacionalidades e a súa autonomía fixeron posible a coordinación dos intreses morales e materiales da URSS. Liquidar definitivamente un problema de raiz sentimental favoreceu o desenrolo dos plans, porque as preocupacións estatales non estaban interferidas por outra caste de preocupacións. A liberdade das nacionalidades acrecenta o acervo cultural e a súa autonomía vitaliza o réxime local. En Bakú asistín a unha representación da mellor ópera nacional “O fillo do cego”. Os instrumentos nacionales (Kemamchas y taras) combinábanse cos instrumentos europeos e dábanlle âs composicións orquestales unha coor nova estraordinaria. Esta obra —xurdida pol-o desenrolo da cultura asebaidhán— forma parte d-un repertorio considerable do Teatro Nacional, que non esistiría sen a liberdade das nacionalidades soviéticas. O enseño está dividido escrusivamente por un Comisario local, sen intervención central. En materia de Enseño a independencia das nacionalidades é absoluta e a única garantia de coordinación reside na unidade do Partido único. No Aserbaidhan fálanse catro lingoas: o aserbaidhano, o armenio, o tártaro e o ruso. Pois ben; en cada escola primaria —sempre graduada— hai catro Seicións —unha para cada lingoa—... Os nenos reciben a súa instrucción no idioma materno e somentes ao cabo de dous anos de enseño se lles abriga a estudar a segunda lingoa, como asignatura. Na Universidade dase o enseño en tres lingoas: o aserbaidháno, o armenio e o ruso. En fin; as nacionalidades son independentes para rexiren as suas creacións culturales e gozan d-unha enorme autonomía para adeministraren a súa vida nacional. Eu ben me decatei dos perigos que eisisten para manter a longo prazo as diferenciacións; pero desapareceron as violencias asimilistas e a comprensión é sinceira. Compre non esquencer que Stalin é georgiano e ten un marcado acento nacional. Eu non concibo como os hespañoles que visitan a URSS poden seguir despreciando o problema das nacionalidades e ainda intentan relegalo a segundo termo, como se non tivese importancia ou como se a súa solución permitira aplazamentos sen perxuicio das concepcións económicas e sociaes2. Esto cando non negan a eisistencia do problema ou pretenden anulalo pol-a violencia. N-este aspecto eu creo que nós debemos aceptar para Hespaña unha solución idéntica â que dou a URSS e non conformarnos con outra.
2º Os estímulos individuales aseguran o éisito dos plans, e na URSS téndese a crear unha élite, non vitalicia nin hereditaria, para rexir a vida e os destiños do pobo. Así como as creacións industriales aproveitaron as normas do progreso norteamericán así tamén se aproveitan os estímulos do liberalismo económico, adaptándoos ao sistema socialista. En ningún outro país do mundo se oferece mellor porvir aos traballadores. Un stajanovista pode ganar cinco veces máis que un obreiro ordiario. Vou reproducir o que lle ouvín a un stajanovista en discurso: “Cando nascin éramos sete irmáns e tínamos dous pares de calzado para todos. O meu esforzo levoume a ser técnico d-esta fábrica e agora teno nove pares de zapatos e oito traxes. A miña muller ten trinta traxes e quince pares de zapatos. Merquei un piano e o Comisario de Industrias pesadas regaloume un automóvil. Descanso dous meses n-un Balneario e o ano pasado convivín con Stalin. E a min, que son un simple obreiro, estreitoume a man”. A escolma de homes faise na escola, no taller, na fábrica, nos Koljoses e soljoses, e os homes elévanse automaticamente pol-a súa forza inteleitual ou física e saen do seu nivel orixinario. A élite que se forma n-este país de 170 millóns de habitantes asegurarâ en plazo breve a hexemonía da URSS. E dispois non se trata de “salvar aos débiles”. Este deber de humanidade cúmplese como en calquera país capitalista. Alí o que preocupa principalmente é “fortificar aos fortes” e conservarlle a forteza. As “casas de repouso”, os sanatorios, os balnearios mereceron a nosa admiración. É algo de asombro. Para reparar as forzas e restaurar a saude dos técnicos i stajanovistas eisisten institucións superiores âs dos millonarios de Inglaterra e Norte América. E a visita que fixemos aos Clubs, pazos dos pioneiros e pazos de cultura, déronme a impresión de que axiña se creará unha élite estraordinaria. // 3º Unha intelixente orientación do progreso detén a fabricación en serie nos obxectos puramente utilitarios i endexamáis se estandarizan os obxectos de regalía. O Metro de Moscú, con ser unha obra de caracter utilitario, é unha maravilla de arte. Cada Estación ten o seu estilo e foi dirixida por un arquitecto diferente. Son verdadeiros pazos subterraneos, contruidos con materiales nobles e preciosos. Ningunha Empresa nin ningún Estado capitalista podería acometer esta obra, para utilidade e regalía do pobo. Acábaseme o papel e non podo seguir profundando; pero quédaseme no tinteiro o mellor que podía contar a prol da URSS. Veño encantado.
En Moscú fun eisaminado pol-o gran oculista Oberbaj e resulta que segun o seu ditame perdín o tempo tratándome como luético, pois, según él, teño unha lesión tuberculosa... esto dispois de levar centos de inieccións e de saturarme de mercurio. É cousa de desesperarse se non fose como son. En fin; creo que poderei ver por algún tempo. Agora que se me plantea un problema dificultoso ¿Qué diagnóstico é o verdadeiro? Para esto necesitaria someterme a esamen que agora non se pode facer en Hespaña.
Mañán ou pasado chegamos a Londres e axiña sairemos para París. Ali saberei o que decideu, por fin, Alvarez del Vayo3, que como xa lle dixen nas cartas anteriores quer que eu vaia â Arxentina4. Eu non sei qué facer. E o caso é que debo decidirme axiña. Doime abandonar Barcelona dispois de dous anos de comportamento sen mácula, pois ainda que non son heroe creo que o noso deber está en vivir no perigo que corren os demáis. Pero por outra banda nada teño que facer alí, porque endexamáis se me confiou ningunha misión e como Diputado nada teño que facer. De todos xeitos fixen moitas cousas e salvei o noso estatuto d-unha morte ignominiosa que xa lle contarei, si é que vou a esa de vivo para contalo.
En Moscú espuxen os meus deseños (trinta obras). No Museo de arte Occidental Moderno (un dos mellores museos modernos do mundo, abonda decir que ten unha sala de Picasso) destináronme unha Sala. Tiven un éisito rotundo e por alí desfilaron os millores artistas da URSS. Agora quere a VOCS editarme os deseños inéditos en tirada especial e xa lles din a autorización e fixeron as fotos necesarias para reproducilos. Dende logo podo augurar que na URSS son o dibuxante revolucionario máis admirado e no Museo da revolución figuraba en lugar preferente cos dous álbumes de guerra.
Nada máis. Xa lle dixen que por apresuramento no arranxo do equipaxe perdin as direicións e somentes me lembro da súa, que reteño na memoria. Por iso estas cartas van para vostede e para todol-os irmáns. Unha forte aperta.
Castelao
A bordo do “Coopertzia” e no intre de atravesar o canal de Kiel
27-maio-1938

1. Integrantes dunha granxa colectivizada ou Koljos.
2. Dende 1917 comezaran a se publicar varios relatos de viaxe escritos por comunistas ou simples viaxeiros españois que se desprazaran á URSS. Como ben sinala Castelao, practicamente ningún título desa bibliografía de viaxes adicaba especial atención á cuestión nacional, e só o opúsculo do comunista catalán e antigo empregado da Internacional Comunista Andreu Nin sobre a cuestión das nacionalidades (Els moviments d'emancipació nacional, 1935) presentaba a solución soviética á cuestión nacional como modélica. A el uníase Joan Comorera.
3. Julio Álvarez del Vayo (1890-1975), político socialista adscrito ó sector de Largo Caballero. Durante a II República ocupou os cárregos de embaixador en Mexico e na URSS. No decurso da Guerra Civil, ocupou as funcións, consecutivamente, de ministro de Estado co Goberno de Largo Caballero e delegado perante a Sociedade das Nacións co Goberno Negrín, volvendo ó Ministerio de Estado en marzo de 1938. Foise alonxando progresivamente de Largo Caballero e achegándose á liña do PCE. No exilio irá perdendo protagonismo político.
4. Lembremos que Álvarez del Vayo era neste intre (maio de 1938) outravolta ministro de Estado no Goberno Negrín, remodelado en marzo daquel ano. A decisión de non enviar a Castelao como embaixador á Arxentina non só debeu recaer, pois, como adoito se afirma, en Giral.



“Obras de Castelao”. Tomo VI: Epistolario. Coord. Henrique Monteagudo. Ed. Galaxia. 2000 (Vigo)

***

Otras cartas de Castelao y una de Rosalía de Castro.

Ver también:
- ¿Te imaginas al PP vasco poniendo un ramo de flores en la tumba de Sabino Arana?

5 comentarios:

  1. Esta carta de Castelao haciendo de tonto útil (o idiota útil), -Lenin dixit- se la dedico a Rouco.

    ResponderEliminar
  2. Creo, Antonio, que el título de tu post debería haber sido "La URSS en Castelao" y, por extensión, en el nacionalismo gallego, pues, en el fondo, la pretensión nacionalista en Galicia debe mucho, en los símbolos, banderas e ideas, a la cosa stalinista y liberticida.

    ResponderEliminar
  3. Necesito vuestra ayuda. En julio, el zapatero loco escribió en el blog un rollete sobre el convenio que Vitrasa tiene con la Universidad de Vigo y con el Concello muy interesante, estoy siguiendo ese tema para hacer un reportaje y me interesaba muchísimo contactar con el zapatero loco. Si aparece estos días, que me escriba a robaliza@hotmail.com, vale? Saúdos cordiales

    ResponderEliminar
  4. Tonto útil pata negra, mejor dicho:
    "Vou reproducir o que lle ouvín a un stajanovista en discurso: “Cando nascin éramos sete irmáns e tínamos dous pares de calzado para todos. O meu esforzo levoume a ser técnico d-esta fábrica e agora teno nove pares de zapatos e oito traxes. A miña muller ten trinta traxes e quince pares de zapatos. Merquei un piano e o Comisario de Industrias pesadas regaloume un automóvil. Descanso dous meses n-un Balneario e o ano pasado convivín con Stalin. E a min, que son un simple obreiro, estreitoume a man”."

    ResponderEliminar
  5. No hay de qué. A ver si aprendes algo, inclusive de tus referentes, que no tienes ni idea.
    Por lo demás, a menos que pretendas sorprendernos con dotes de meigo con conexiones con los espíritus, guárdate tus apuestas que no valen nada.
    Castelao dijo lo que dijo sobre Hespaña y la URSS. A ver si vas a ser tú más papista que el Papa.

    ResponderEliminar